Historia

O termo lacón é unha voz galega, derivada do latín “lacca”, que carece de tradución ao castelán. Fai referencia ao brazo ou pata dianteira do porco, especialmente a súa carne curada. Atopámonos, polo tanto, ante un concepto xenuíno que define un produto arraigado nos máis vellos costumes da nosa terra.

As referencias a este produto, xa sexan de carácter histórico ou no marco da tradición gastronómica galega, son numerosas. A primeira cita xorde en relación co tempo de xaxún e abstinencia nas terras da nosa Comunidade; deste xeito, nunha pasaxe das Constitucións Sinodais de Ourense, de 1619, pódese ler “en comer cousa de lacóns e outras pezas do porco en sábado gárdese o costume que hai neste bispado, a cal é de que se coma...”

Referidas ao século XVII e principios do XVIII, e en relación coas condicións de vida e hábitos alimentarios do campesiñado no interior lugués, existen varias alusións ao lacón recollidas na sección de Protocolos do Arquivo Histórico Provincial de Lugo.

Nelas constátase que por eses tempos os lacóns só aparecían pendurados na despensa das clases privilexiadas, tales como señores fidalgos ou curas párrocos. Avanzado o século XVIII, diversos textos confirman que os mesmos estaban sometidos a un importante tráfico comercial en Galicia.

 

Historia CR Lacón Gallego

 

Son moitas as obras relacionadas coa gastronomía tradicional galega nas que se cita. Destaca o libro “La Cocina Práctica” de Manuel Puga y Parga, alias “Picadillo”, que recolle varias receitas nas que o lacón aparece coma materia prima imprescindible. A súa primeira edición remóntase a 1905. A partir desa obra, tódalas relacionadas coa gastronomía galega faranlle constante referencia. Entre elas non podemos esquecer “A cociña galega”, libro de Álvaro Cunqueiro publicado no 1973 e obra cumio da gastronomía desta terra.

Entrado xa o século XX, as referencias ao seu consumo aparecen por tódolos lados, sendo indiscutible a popularización do mesmo a partir dos anos 60.

Ministerio FEADER Xunta de Galicia
CR Lacón Gallego